miércoles, 20 de noviembre de 2013

QUE NON PARE A FUNCIÓN!

Neste curso 2013- 2014, aínda que a exposición dos libros do Fondo xa rematou a súa andaina polos centros do Morrazo, este blog vai continuar sendo un espazo onde atopar novas relacionadas co teatro e a escola.
Por unha banda seguiremos engadindo libros ao ficheiro que comezamos como traballo colaborativo entre os centros; pero tamén nos faremos eco das novidades que poidan ir aparecendo así como de actividades ou experiencias vinculadas ao teatro que estean á nosa disposición.

martes, 25 de junio de 2013

QUE SUBA O PANO

Os nenos de 5º do colexio A  Pedra de Bueu, aproveitaron  o proxecto para elaborar unha morea de textos de caracter teatral , dándolle vida a diferentes  personaxes  que a través do diálogo comparten situacións moitas veces divertidas . Este ano non deu tempo a representalos, pero queda pendente para o vindeiro curso.

jueves, 20 de junio de 2013

IES DE RODEIRA (CANGAS)


O IES de Rodeira fixo coincidir a exposición QUE SUBA O PANO ! coas Letras Galegas dedicadas este ano a un grande do teatro galego: Roberto Vidal Bolaño.
O teatro galego forma parte do curriculo  de 4º da ESO e de 2º  Bacharelato polo que foi o alumnado destes cursos o que montou a exposición para o resto da comunidade educativa.
Pasra iso baixaron ao corredor que está diante da Biblioteca co libro de texto e os  apuntamentos de literatura.Ordenaron os libros de teatro de xeito cronolóxico en tres grandes etapas, achegando información sobre elas:o teatro galego de 1900 a 1936,o teatro galego do 1936 a 1970 e o teatro galego actual, a partir das Mostras de Teatro de Ribadavia, etapa que coincide coa produción de Roberto Vidal Bolaño.Tamén houbo unha sección para as traducións e outra para as revistas de teatro e os Cadernos da Escola Dramática.Para ambientar esta exposición utilizaron os carteis chegados da Xunta con motivo das Letras Galegas e un pequeno escenario, feito con caixas e teas, adornado con máscaras de nariz vermello sobre o que colocaron unha figura de  de Roberto Vidal Bolaño e doutros personaxes das súas obras , feitos de cartón.
Podedes vela aquí:

                                      

                                                              http://vimeo.com/67405364


jueves, 6 de junio de 2013

CEIP DA ESPIÑEIRA (ALDÁN)

Os nenos da Espiñeira tamén se achegaron a coñecer os libros de teatro. Observaron de que maneira se escriben,  e cales son as diferenzas con outro tipo de textos. A exposición serviulles tamén para coñecer un pouco quen foi María Casares, que é a que da nome ao Fondo Teatral .

TEATRO.jpg

CEIP BELUSO (BUEU)

A exposición estivo no cole de Beluso dende o  29 de abril ata  o 10 de maio. Tivo unha boa acollida , fixeron cuestionarios para dar  a coñecer  os libros , e deixaron unha porta aberta para achegarse un pouco máis ao teatro de cara ao vindeiro curso.

P1010310 [800x600].jpg

P1010311 [800x600].jpg

domingo, 7 de abril de 2013

DÍA INTERNACIONAL DO TEATRO

O pasado 27 de marzo celebrouse o día Internacional do Teatro, o encargado de difundir a mensaxe este ano, foi o Premio Nobel de Literatura Darío Fo.

http://enredemosapedra.blogspot.com.es/2013/03/manifesto-do-dia-interncional-do-teatro.html

No cole da Pedra festexamos ese día cunha exposición fotográfica na que os nenos e nenas de primeiro expresaron diferentes estados de ánimo.
Este foi o resultado.





IES MONTE CARRASCO (Cangas)

A exposición QUE SUBA O PANO!  estará no IES Monte Carrasco ata o vindeiro día 19 de abril.
Preme na seguinte ligazón.
Exposiciónhttp://issuu.com/luzjares/docs/que_suba_o_pano?mode=window

sábado, 16 de marzo de 2013

CEIP ABELENDO (MOAÑA)




"Que suba o pano" é o título dunha exposición itinerante sobre teatro que está percorrendo os centros de ensino do Morrazo e que neste mes de marzo está con nós, na biblioteca do cole.

Consta de textos teatrais para nenos e nenas, de libros didácticos sobre distintas artes escénicas, expresión corporal, títeres, revistas, publicacións, que pertenecen ao Fondo Teatral María Casares" que é unha colección de fondos bibliográficos sobre teatro que habitualmente, está na Biblioteca Central de Cangas.






http://abelendo.blogspot.com.es/

CEIP QUINTELA (MOAÑA)

A exposición comezou a súa andaina por diferentes colexios da Comarca do Morrazo. Estivo en Quintela onde lle fixeron un oco na súa biblioteca .




                                                        EXPOSICIÓN ITINERANTE
“FONDO TEATRAL MARÍA CASARES”

QUE É? O Fondo teatral María Casares é unha colección de fondos bibliográficos sobre teatro , o resultado dun convenio asinado no ano 1995 entre o Concello de Cangas, a compañía de "Teatro de Ningures" e a "Revista Galega de Teatro".

Formado inicialmente pola cesión de fondos bibliográficos e diversas coleccións de revistas especializadas destas dúas entidades, vai progresivamente enriquecendo as súas posibilidades con novas e contínuas aportacións e completando secuencias incompletas das revistas.

O Fondo conta actualmente con arredor dun millar de volumes e revistas, que son unha base moi útil para todas as persoas interesadas polo feito teatral, sendo un depósito especializado en teatro único en Galicia.

ONDE ESTÁ? Sitúase na Biblioteca Central de Cangas e é de acceso público a través do carnet da biblioteca.
QUE REÚNE? Textos teatrais para escolares, para adultos e para grupos profesionais do teatro, libros didácticos sobre as distintas artes escénicas, expresión corporal, títeres, revistas e publicacións de todo o estado e do estranxeiro…etc

http://www.bibliotecadocole.com/
 

martes, 12 de febrero de 2013

ARQUIVO FTMC

Un dos obxectivos do proxecto é elaborar un arquivo con información sobre textos teatrais axeitados para nenos. Velaquí  uns exemplos que nos poden servir de guía, están extraídos do libro "teatro para nenos"  de Antón Lamapereira ( editado pola Consellería de Cultura e Xuventude da Xunta de Galicia en 1991).



TÍTULO :  As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.         Ed.  Galaxia, 1973
 
AUTOR: Casares Mouriño, Carlos
 
IDADE: A partir de 9 anos.
 
PERSONAXES:  Elías, Anxa, Veciño da escopeta, Veciño gordo, Veciña desdentada, Veciña sabida, Veciño torto, Unha laranxa, O ovo, A galiña Petra, O can Paulino.
 
SINÓPSE ARGUMENTAL: Elías vive con Anxa, na súa casa teñen unha árbore  que ten as 5 laranxas máis grandes do mundo, un día descobre que ao tocarlle a unha , a laranxa estoura.Con tal motivo van chegando os veciños a ver que pasa , e comezan a suceder cousas sen sentido ( un zapato sae voando, a galiña pon ovos de cores, Anxa convirte o ovo nunha fonte e da laranxa comezan a saír unha morea de cousas: un bocadillo, unha bicicleta, un papaventos...)
 
 
AMBIENTACIÓN : Rural.
 
ENFOQUE: Fantástico, con poucos  elementos reais.
 
SUXESTIÓNS:
-Esaxeración desmesurada das situacións.
-Personificación da laranxa,a galiña, o ovo e o can.
-Caracterización dos personaxes a partir dos seus defectos: o torto, o gordo, a sabida, a desdentada ou o da escopeta.
-A violencia do veciño da escopeta , contrasta coa inxenuidade do veciño gordo.






TÍTULO:  Ledaíñas pola morte do Meco                                   Ed. Pico Sacro, 1977


AUTOR:   Vidal Bolaño, Roberto


IDADE: A partir dos 12 anos.


PERSONAXES: Borralleiro, Corregalos, Choqueira, Madamita, Troteiro, D. Xeanaro, Señora Concha, D. Aleuterio, O Adivertido, D. Xusto, D. Xesús, D. Roque, Catro alguacís, Pregoeiro, Cinco xusticias do reino.


SINÓPSE ARGUMENTAL:  Trátase dunha insurrección popular contra o Meco, representante do poder dictatorial  e represivo que ten sumerxido na máis triste das miserias a todo un pobo, que moi ben poidera ser o galego.O Crego promételle o lume do inferno aos alborotados veciños, Dona Concha e D. Aleuterio amósanlle mil produtos cos que encher as súas casas, o Adivertido tenta engaiolalos con noxentas cantigas, D. Roque e D. Xesús , secretario e alcalde  do concello improvisan discursos para calmar a rabia popular.
Será finalmente a forza pública quen remate coa revolta. D. Xusto anunciará a sentenza de morte, pero un conxuro fará tremer toda a terra e os poderes fácticos desaparecerán . Xulgados polos Xustizas do Reino, os veciños respostan todos á unha: matámolo nós.


TEMAS:  A opresión , a loita polas señas de identidade, a autoridade, a xustiza.


AMBIENTACIÓN: Rural con matices surrealistas.


ENFOQUE: Profundamente crítico, cómico ás veces e tráxico en moitas ocasións.


SUXESTIÓNS:
-A tradición parateatral en Galicia e o seu tratamento dramático neste texto.
-A contraposición entre os  veciños e os poderes fácticos; o uso das máscaras para reforzar o contraste.
-A figura do Meco e a súa significación na cultura popular.
-O Entroido  como festa popular liberadora.
-O espacio escénico e as úa división en dúas áreas: o pobo e o poder que o oprime.


Animádevos a elaborar fichas similares a éstas para ir confeccionando o arquivo.

sábado, 19 de enero de 2013

PROPOSTAS DE ACTIVIDADES


A idea é que a partir dos libros que aquí están expostos, os docentes atopemos diferentes maneiras de poñer en práctica a dramatización na escola. isto non quere dicir que o obxectivo a priori sexa facer representacións contando con pouco tempo e escasos recursos, senón máis ben todo o contrario; trataríase de traballar as bases para que os nenos tomen conciencia do que significa actuar e aprendan técnicas que lles axuden a seren os verdadeiros protagonistas do espectáculo creativo.
Con esto estamos referíndonos aos obradoiros e exercicios de autoexpresión, de técnicas vocais, de improvisación, e tamén de deseño de decorados, de accesorios, de monicreques ou máscaras, de vestiario etc.
A posta en escena dun espectáculo sería a fase terminal do proxecto , que se pode entender a longo prazo , dependendo das características e necesidades de cada caso.
Tendo isto en conta, algunhas actividades poderían ser:
 
                Na área das Linguas
·         Traballar a expresión oral , a entoación e os xestos a través de contar contos ou historias para outros nenos na biblioteca.
·         Traballar a improvisación e a creatividade dando forma a historias a partir dun tema elixido.
·         Coñecer a fondo a estrutura das obras teatrais facendo lecturas en grupo.
·         Crear diálogos entre varios personaxes nunha situación determinada.
·         Afondar na corrección dos textos escritos facendo traduccións ao galego dalgunha peza que nos poida interesar traballar.
·         Facer reseñas de obras  que interesen , falando da trama,os personaxes e a idade a que van dirixidas, para formar  así unha especie de catálogo por idades.

Na área de Plástica

·         Facer obradoiros de creación de máscaras.
·         Facer obradoiros de creación de monicreques.
·         idear e montar decorados para unha posta en escena.
·         Confeccionar carteis para anunciar unha representación.
·         Deseñar o vestiario para un personaxe concreto.
 
Na área de Música

·         Facer exercicios de expresión corporal con diferentes ritmos.
·         Improvisar movementos para evocar diferentes situacións.
·         Facer exercicios de imitación de animais e personaxes coñecidos.
·         Elixir temas musicais que evoquen diferentes sentimentos como fondo para unha representación.
·         Practicar algunha peza para formar parte dunha posta en escena.

Na área de Educación Física

·         Facer exercicios de dinámica de grupos que favorezan o coñecemento  entre si de cada un dos membros.

De seguro que sairán moitas máis logo de achegarnos un pouco ao mundo da  dramatización.
Calquera destas actividades podería ser levada a cabo para un público, sexan nenos do centro, pais, ou toda a comunidade educativa a través de exposición de traballos sen ter que esperar necesariamente a ter unha obra preparada para levar a escena.
Como conclusión, dicir que a exposición  pretende ser unha primeira aproximación ao traballo teatral na escola, que tería como finalidade a medio prazo, buscar un espazo e un tempo na actividade escolar para consolidar un proxecto teatral , no que ,dende o comezo de cada curso, se decida o que se vai traballar ao longo do mesmo.

 

 

RELACIÓN DE LIBROS E PUBLICACIÓNS



Esta relación constitúe unha pequena parte do que é o Fondo Teatral María Casares, que está situado na Biblioteca Pública de Cangas. Os títulos foron seleccionados en función do interese para a comunidade escolar. Abarca o tramo de idades correspondentes a infantil, Primaria e Secundaria.

 
                           TEXTOS EN GALEGO


 
                          TEXTOS EN CASTELÁN


 
                        REVISTAS, CADERNOS E DIDÁCTICOS




 .

jueves, 17 de enero de 2013

PRESENTACIÓN

QUE SUBA O PANO! é o nome dun proxecto que xorde dende o Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP  Plurilingüe  A Pedra de Bueu; en colaboracíón cos equipos de Biblioteca e Tics.
Consiste en montar unha pequena exposición de libros de teatro infantil e xuvenil procedentes do Fondo Teatral María Casares (Biblioteca Pública de Cangas).Para logralo contamos coa axuda imprescindible do seu precursor, o director teatral e da Revista Galega de Teatro , Antón Lamapereira.
A idea nace como resposta a varias realidades que observamos na vida escolar:
  • A necesidade de mellorar a expresión oral dos nosos alumnos/as, especialmente en lingua galega.
  • O gran descoñecemento dos recursos en materia de teatro escolar que temos ao noso alcance.
  • A riqueza que supón poder traballar a dramatización nas aulas como fonte de creatividade, socialización e mellora da autoestima.
Ésta pretende ser unha exposición itinerante, que poida estar a disposición dos centros que se animen a coñecela e aproveitala, pois está pensada para sacarlle partido a través  dunha serie de actividades propostas.
Este blog quere ser un espazo donde se recollan as experiencias  que vaian saíndo desta iniciativa.